O marisqueo en Noia
É moito máis que unha actividade económica: é a esencia da ría e o
motor que sostén a miles de familias. Xeración tras xeración, mariscadores e mariscadoras converteron
este labor nun símbolo de identidade local, mantendo vivas tradicións que combinan esforzo, coñecemento
do mar e respecto pola natureza.
A súa importancia non radica só no volume e calidade das capturas, senón tamén no carácter artesanal,
sostible e comunitario co que leva a cabo.
O éxito do berberecho de Noia está ligado ao seu hábitat: a ría de Noia, un estuario onde se mesturan
augas doces e salgadas, creando un dos ecosistemas máis produtivos do planeta, cunhas condicións
excepcionais para o crecemento de moluscos bivalvos. Estas condicións fan do Berberecho de Noia un
produto de calidade e sabor inconfundible.